A Xunta valora ampliar os horarios da hostalería en San Xosé e Semana Santa
• A ocupación podería aumentar ata un 50 % no interior e o 75 % no exterior | As medidas serían en toda Galicia, salvo nos concellos co nivel máximo de restricións
A ponte de San Xosé marcaría o inicio da desescalada na hostalería. A Xunta de Galicia e o sector acordaron ampliar o horario pero ir aos poucos.
Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta, di que é mellor "dar pasos curtos e duradeiros que un gran paso que supoña un retroceso".
Se o comité clínico dá o visto e prace esta semana, bares e restaurantes poderían aumentar a ocupación dentro e na terraza e abrir ata as 8 ou 8 e media da noite. Durante a Semana Santa a hora de peche sería tamén as 8 ou 8 e media da noite.
Cesáreo Pardal, presidente do Clúster do Turismo, di que o sector entende que non se poida ampliar máis o horario en Semana Santa.
A partir da Semana Santa, se a situación epidemiolóxica segue sendo favorable, os horarios poderían ampliarse máis, chegando ás 10.30 da noite para os restaurantes.
Ademais a Xunta lanza unha iniciativa para apoiar proxectos emprendedores no ámbito turístico co obxectivo de dinamizar o sector na nosa comunidade.