O comité clínico galego tomará unha decisión sobre A Pobra do Brollón
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, asegura que a pandemia en Galicia segue instalada na fase de meseta, como demostran as cifras de incidencia acumulada e a porcentaxe de probas positivas que a penas chega ao 3 por cento. De momento, a preocupación céntrase nos pouco máis de media ducia de concellos onde a situación se complicou nos últimos días.
"Na Pobra do Caramiñal, onde houbo nos últimos días 30 novos casos, e tamén estamos estudando os gromos que temos no Grove e no gromo que xurdiu na Illa", indica Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública.
O Sergas puxo en marcha un cribado na Pobra do Caramiñal entre 6.500 persoas á busca de asintomáticos. E ademais continúa realizando este tipo de probas en distintos concellos. 20.000 persoas están convocadas a partir deste luns. Nas realizadas a semana pasada, dos 30.000 convocados acudiu o 60 por cento e entre eles localizaron 19 positivos.
O comité clínico do martes analizará a situación das zonas con máis contaxios e podería tomar unha decisión sobre a Pobra do Brollón, que xa ten un nivel alto de restricións.
"Témolo neste momento cunha incidencia a sete días de 184, que é moi elevada, pero os casos novos son tres". "Hai que ver esta incidencia a que é debido, se son gromos localizados nunha familia e están controlados ou son casos orfos, e baseándonos niso tomaremos unha decisión", asegura Carmen Durán
A directora xeral de Saúde Pública non quixo pronunciarse sobre unha posible repunta despois da Semana Santa. Asegura que confía no comportamento responsable dos galegos.