CRTVG

Buscar

O comité clínico revisa as restricións ás portas do Nadal

Publicado o 21/12/2020 21:44

Santiago, a cidade que tivo que volver pechar tras a reapertura, aproxímase aos 200 casos de covid por cada cen mil habitantes. No concello temen que se bote a perder definitivamente a actividade comercial propia destas datas.

"Estamos moi preocupados porque a evolución está sendo negativa e temos aí as festas de Nadal", aseguraba o alcalde de Santiago.

No conxunto da área sanitaria a súa responsable fala dunha situación estable. Destaca a caída na positividade das PCR. E atribúe a alta incidencia da covid ao elevado número de persoas que seguen infectadas dez días despois da primeira proba.

"Iso fainos continuar con ese número de casos altos que doutro xeito sairían da lista de casos positivos", explicaba Eloína Núñez, xerente da área sanitaria de Santiago e A Barbanza.

A área sanitaria de Ourense xa baixa dos 500 casos activos e cae a presión asistencial. Pero a capital queda fóra desa melloría.

"No caso do concello de Ourense as cifras son un pouco máis elevadas. Levamos un incremento desde o día 9 do 58%. Estamos a día de hoxe en 165 casos activos", dixo Félix Ruibal, xerente da área sanitaria ourensá.

Desde o comité clínico aseguran que durante o Nadal as decisión sobre as restricións se seguirán tomando cos mesmos criterios que ata o de agora.

"Non nos imos relaxar porque esteamos nestas datas. Imos continuar coa mesma actividade a nivel de comité clínico. E por suposto que se adoptarán as decisións en función dos indicadores", apuntaba o xerente do Sergas, José Flores.

Hai moita expectación por saber que pasará co peche perimetral de Lugo e A Coruña. Estas dúas cidades son as que están mostrando unha situación máis estable nas últimas xornadas.

Noticias web

21/12/2020