O comité clínico propón que a hostalería de toda Galicia peche ás seis da tarde
• Os expertos recomendan que toda a comunidade entre nos dous niveis máximos de restricións, cun máximo de catro persoas nas xuntanzas e a mobilidade limitada
• O presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade explicarán este mércores como se aplicarán as novas medidas

O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia propón, para conter a crise sanitaria, que toda Galicia pase a estar nos dous niveis máis altos de restricións, dos catro que manexan. Iso supoñería que toda a hostalaría peche ás seis da tarde e que o número máximo de persoas por reunión sexa de catro.
No nivel máximo, a hostalaría soamente pode funcionar coas terrazas ao 50 %; no medio alto, o seguinte, poden traballar ao 30 % en interior e ao 50 % no exterior. En ambos os chanzos, a mobilidade está restrinxida.
Ata agora, no nivel máximo estaban os concellos de máis de dez mil habitantes cunha incidencia acumulada a 14 días igual ou superior a 250 casos por cada cen mil habitantes. No medio alto, os municipios de máis de 10.000 habitantes cunha incidencia de 150 a 250 casos en 14 días e os de menos de 10.000 cunha incidencia que estea por encima dos 250 casos por cada cen mil habitantes. Desaparecerían neste momento os niveis medio e básico, os máis permisivos.
Os expertos, que se xuntaron este luns ás seis da tarde, seguen aínda debatendo como van endurecer as limitacións de mobilidade, ocupación, toques de recollida e contactos persoais ante a expansión do virus. Os detalles en profundidade daranos este mércores o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo e mais o conselleiro de Sanidade Xullo García Comesaña nunha comparecencia conxunta.
A escalada de contaxios por covid−19 en Galicia segue o seu curso e xa ascende a 8.810 casos activos, 560 máis que no anterior reconto, e a 844 novos positivos, 142 máis. Hai apenas unha semana, a comunidade autónoma galega acumulaba 5.991 contaxios activos, 426 máis que o 23 de decembro, véspera das festas do Nadal.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este martes de que a situación pola covid−19 seguirá deteriorándose durante as próximas semanas e anticipou que a terceira onda será "superior" á segunda, cuxo pico se rexistrou o pasado mes de novembro.
Núñez Feijóo avanzou que as medidas serán proporcionais á situación actual e, por tanto, "máis restritivas". Insistiu en que o comité asesor traballa con independencia e rigor e atendendo a criterios epidemiolóxicos, que son os que orientan as súas recomendacións ao Goberno galego.
As novas medidas entrarán en vigor probablemente o venres, segundo adiantou Núñez Feijóo, que citou entre os sectores en que a Xunta pode actuar os ximnasios ou as salas de xogos, ademais da hostalaría en si.