CRTVG

Buscar

O comité clínico estuda limitar as reunións ante a explosión de casos

Publicado o 13/07/2021 20:19

En Sanxenxo conteñen a respiración: a tempada alta está empezando e acaban de detectar 23 contaxios nun día. Os hostaleiros só piden que as autoridades actúen coa vista posta no novo perfil dos gromos, menos ligado aos locais que ao que pasa fóra deles.

Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, opina: "Agora estamos nun contexto novo, é unha situación nova, tanto polo tema dos hospitais como porque a xente que se contaxia é xente nova, e, polo tanto, non se poden aplicar os mesmos criterios".

Por exemplo, o da incidencia acumulada. Varios concellos do Salnés achéganse ou superan os 500 casos, que antes significaban o peche perimetral. Pero co botellón no punto de mira, o comité clínico cre que toca mudar a estratexia.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, explicou: "Concéntranse os contaxios nese grupo de poboación máis nova, que ten unhas pautas de comportamento que todos coñecemos, que xa se empezaron a tratar a fin de semana pasada e queremos seguir nesa liña. Limitar os números de pesoas nos grupos pode ser unha posibilidade".

Agora, non hai límite de reunión, só unha recomendación de non máis de 15 persoas en espazos abertos ou seis en pechados. A Xunta tamén estuda se mantén as autorizacións para os eventos multitudinarios. Comesaña dixo: "Calquera agrupación de persoas preocúpanos. Ben é certo que os concertos que están planificados, cunhas medidas de distancia, de seguridade, cun control de accesos e ocupación, dannos máis garantías que as concentracións incontroladas nas rúas. Pero, en todo caso, temos que analizalos".

Preocupa a situación de Vigo, que suma 146 contaxios novos, máis que as outras seis cidades xuntas. Ademais apareceron sete contaxios en dúas residencias de Betanzos e Campolongo. Todos estaban vacinados e non presentan síntomas ou estes son leves.

Noticias web

13/07/2021