Sanidade analiza se relaxa as restricións na Coruña
• Non haberá novas medias para a hostalería ata despois do 6 de abril
• As autoridades insisten en limitar os contactos e recomendan non viaxar a Francia ou Alemaña, inmersos na cuarta onda
A incidencia media en Galicia é de pouco máis de 70 casos por cada cen mil habitantes a 14 días. Así que do comité clínico desta tarde o que se agarda son pequenos axustes nos concellos onde hai focos da covid-19. O maior interese está, outra vez, sobre a área sanitaria da Coruña. Debaterase, de feito, a situación das restricións na propia cidade.
"O que está previsto é o axuste dos concellos que poden saír dun nivel e entrar noutro, unicamente ese axuste epidemiolóxico por concellos", explica o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Galicia mantén a situación de meseta e, ademais das incidencias, seguen tamén estables outros parámetros como a positividade das PCR o que, segundo os membros do comité clínico, significa que as medidas vixentes están servindo para conter as cifras.
"Nesta situación favorable existen fluctuacións e focos, e por iso a análise máis detida neste momento faise por concellos", subliña Pilar Farja, membro do comité clínico.
Así que o que cabe esperar son pequenos cambios nos concellos que empeoraron e nos que melloraron. De feito, nos últimos 7 días máis de 180 concellos galegos non rexistraron nin un só caso de covid. Tamén pode haber variacións na área da Coruña, que vai pola segunda semana cunha incidencia media por baixo de 150. Pénsase xa nun alivio para a propia cidade.
En relación á Semana Santa, deixan dous apuntamentos previos para evitar unha cuarta onda. Que deberían evitarse os voos con países como Francia ou Alemaña, que neste momento triplican a incidencia, e que restrinxir os contactos sociais e manter as precaucións é o único xeito de manter Galicia no nivel de apertura do que gozamos arestora.
A hostalería terá que agardar ata despois do 6 de abril
O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, confirmou que non haberá novas medidas de desescalada para o sector en Galicia ata despois do 6 de abril, unha vez pasada a Semana Santa.
Real fixo estas declaracións a EFE despois da reunión que mantivo este mediodía, xunto con outros representantes do sector en Galicia, co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana.
Segundo explicou o presidente dos hostaleiros de Lugo, aínda que a evolución epidemiolóxica é “boa”, esta decisión circunscríbese ao interese das autoridades sanitarias por “estabilizar” a situación e evitar “subidas e baixadas” en canto á incidencia dos contaxios de covid-19.
Nese sentido, recoñeceu que o propio sector está tamén interesado “en alcanzar esa estabilidade”, porque considera que sería moi prexudicial para os seus intereses dar pasos atrás e que a actividade volvese quedar de novo totalmente clausurada.
“Se a incidencia segue baixando, a partir do 6 de abril estudaranse novas medias” de alivio para o sector, dixo Cheché Real, e falarase “de incrementar os aforos, as porcentaxes en terraza” e mesmo “os horarios”.
Para iso, os representantes do sector e da Xunta de Galicia quedaron emprazados a unha nova reunión que terá lugar o 5 de abril, un día antes da reunión do comité clínico.