CRTVG

Buscar

O comité afirma que o anuncio de recortes de Alcoa é unha "emerxencia"

Publicado o 18/10/2019 13:14
O comité afirma que o anuncio de recortes de Alcoa é unha "emerxencia"

O comité de empresa da factoría que Alcoa ten na Mariña asegura que os recortes anunciados pola multinacional "a nivel mundial" son unha auténtica emerxencia, dado que para tomar decisións sobre "peches" ou "vendas", analizaranse criterios como os custos de produción e o prezo da enerxía.

Como consecuencia do prezo da enerxía, Alcoa baixou a intensidade na fábrica de Cervo e paralizou 32 das 512 cubas de electrolisis da factoría, o que é motivo de moita preocupación para os traballadores, dado que se trata dunha situación inédita.

"No día de hoxe mantivemos unha reunión coa dirección de Alcoa en San Cibrao", subliña o comité nun comunicado, "en que lle preguntamos polas medidas de recorte anunciadas onte" pola multinacional "a nivel mundial".

Esas medidas concretaranse, aclara, "na revisión inmediata e durante o próximos cinco anos da carteira de activos, o que se traduce en redución de produción, peches ou vendas".

"A día de hoxe, aínda non está encima da mesa o nome de ningunha planta", afirma o comité, pero si "os criterios sobre os que se analizará a viabilidade das mesmas: dificultades polas que pasa e posibles solucións, enerxía, competitividade e custos".

Ao seu xuízo, "sobra resaltar a gravidade da situación", polo que piden a participación dos veciños da comarca na concentración que terá lugar o vindeiro xoves en Burela.

"Trátase dunha auténtica emerxencia para nós e para toda A Mariña. Emerxencia que só pode solucionar o Goberno concretando as medidas que vai poñer para reducir o prezo da enerxía ao nivel doutros países", conclúe.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí