O cómico Vladímir Zelenski gaña as eleccións presidenciais en Ucraína
Os ucraínos saían hoxe masivamente a votar na segunda volta das eleccións presidenciais.
"A xente quere cambio", aseguraba esta muller despois de depositar o seu voto.
E á espera dos resultados oficiais, ese cambio vaise producir.
As enquisas a pé de urna danlle unha contundente vitoria a Vladímir Zelenski, con algo máis do 70% dos votos.
Tras coñecer a vitoria dáballes as grazas aos seus votantes, prometía non decepcionalos e aseguraba que porá fin á guerra no leste do país entre o exército ucraíno e os separatistas prorrusos.
O actor chegaba á segunda volta das eleccións presidenciais como claro favorito.
Así o dicían as enquisas e os resultados da primeira volta, onde acadara case o dobre que o seu rival, o actual presidente Petró Poroshenko, que saíu xa a recoñecer a derrota.
Un electorado decepcionado pola corrupción, a crise económica e o conflito no Donbáss dálle agora a vitoria a este cómico que promete romper o sistema, e ao que Poroshenko cualificou de candidato débil que quere Putin para someter Ucraína a Rusia.