CRTVG

Buscar

O comercio ourensán espera con inquietude e incerteza as posibles novas medidas

Publicado o 24/11/2020 10:12

Os datos epidemiolóxicos na área sanitaria de Ourense pouco teñen que ver cos de hai un mes, pasando dos 1.600 casos récord daquela a 637 e ser a área con menos casos. As restricións semellan ter producido efectos positivos na curva de contaxios, pero moi negativos para os negocios dedicados ao comercio ou a hostalaría.

Neste marco de evolución favorable, os comerciantes esperan unha relaxación das medidas e restricións que os levan acompañando máis tempo que no resto do país. "Estamos vivindo a situación con grande inquietude, con grande incerteza", recoñece Beatriz Gómez, presidenta da Federación do Comercio de Ourense.

Merca local e en liña como saída

Comenta Gómez que as cifras que traballa a Confederción Española de Comercio "son datos bastante pesimistas". A caída nas vendas en setembro foi dun 34%, segundo explica Gómez, que se agravou conforme se aproximaron as datas de maiores vendas en novembro e decembro, chegando ao 40%.

"A restrición perimetral acusou moito as vendas no comercio, pero o peche da hostalaría tamén foi moi importante para agravar a situación que estamos vivindo", explica Gómez. Para paliar esta nova realidade, fomentan mediante campañas a merca local e mesmo están artellando unha plataforma para a venda en liña.

Noticias web

24/11/2020