CRTVG

Buscar

O comercio local de Ourense mobilízase ante a crise que atravesa

Publicado o 20/02/2019 21:31

Os comerciantes de Ourense din que se senten desamparados ante a crise que atravesa o comercio de proximidade. Por iso pecharon hoxe as súas portas e convocaron unha mobilización para concienciar das súas dificultades. En oito anos pecharon mil comercios na provincia, e aseguran que se non se toman medidas a cousa irá a peor. Un dos seus peores inimigos, aínda que non o único, son as vendas por Internet.

O comercio de Ourense pechou as súas portas buscando concienciar a Administración e a sociedade en xeral da situación delicada que atravesa o sector. Piden que se regule a venda ambulante e que se rebaixen as taxas municipais. Pero hai máis factores que afogan o comercio de proximidade, como as cotas de Seguridade Social e dos autónomos e as facturas da luz. O resultado desta ecuación? O peche de moitos establecementos.

Outro xigante contra o que loitan son as vendas online. Medran a un ritmo exponencial cada ano, as últimas cifras falan duns 3.000 novos clientes dentro da provincia. Un de cada catro consumidores ourensáns fan os seus pedidos por Internet. Desde a alcaldía da cidade apoian tamén os actos de protesta do pequeno comercio.

Unha manifestación percorreu a última hora as rúas da cidade de Ourense, convocada pola Federación de Comercio da provincia. Din que se senten apoiados por moitos colectivos, mesmo por algúns centros comerciais da cidade, e piden que se unan outras provincias galegas para que o efecto da campaña de sensibilización sexa maior.






 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/02/2019