CRTVG

Buscar

O comercio do rural sobrevive nestes tempos de confinamento

Publicado o 07/04/2020 20:39

O comercio rural de toda a vida sobrevive nestes tempos de confinamento prestando un servizo de gran valor para a veciñanza. É o caso desta tenda de Bretoña, na Pastoriza, a onde non deixan de chegar clientes dos arredores para se abastecer de produtos de primeira necesidade, como froitas, verduras ou lácteos.

Rocío Gasalla, dona dun comercio rural:  "A verdade é que cambiou bastante. Véndese moita froita, moitas verduras, moita pataca, moito iogur... Véndese moita cervexa, viño, lixivia... E despois demandan moitas cousas que non hai, como alcohol ou máscaras." "Hai veces que se che acaban as cousas, e ter este servizo case as 24 horas de luns a domingo é algo incrible. Nestes tempos necesítase este servizo", subliña unha clienta.

Ademais de aumentar o número de clientes, tamén se incrementaron os pedidos. Por outra banda, a necesidade de previr infeccións fixo que se xeneralizase o uso da tarxeta como forma de pagamento.

Rocío Gasalla, dona dun comercio rural: "Agora manda moita xente por WhatsApp ou chámate por teléfono para lle ter preparado para coller, chegar, pagar e marchar. Aumentou moito o pagamento por tarxeta, que antes apenas se usaba e agora si se paga moito por tarxeta."

Como moitas outras tendas do rural, esta tamén ten unha parte de bar, que agora permanece pechada ao público á espera de que remate o confinamento e veñan tempos mellores.

Noticias web

07/04/2020