CRTVG

Buscar

Os psicólogos galegos crean unha web para axudar a superar a incerteza pola covid

Publicado o 01/02/2021 12:00

O virus da covid-19 fai que vivamos baixo unha ameaza mundial e esta ameaza é continuada no tempo. O noso sistema nervioso responde como é normal que responda.

Fátima López Rodríguez, coordinadora do Espazo de Autocoidado do COPG, explica que "o que estamos percibindo é un estado de medo, de medo á enfermidade, ao que iso pode implicar, ao tema do contaxio, a contaxiarme eu, a contaxiar a alguén. E o tema do medo á morte, á propia morte e á morte das persoas que están ao noso redor".

Con medo, e ademais distanciadas ou confinadas, un illamento social que vai en contra do noso imperativo biolóxico. 

O imperativo biolóxico é aquilo que nos axudou a sobrevivir como especie e a adaptarnos ao longo do tempo, que é a necesidade de conectarnos, de apoiarnos entre nós, e iso dalgún modo está afectando e xenera moitísima impotencia e moitísima frustración", asegura Fátima Rodríguez. 

O Colexio de Psicoloxía de Galicia acaba de crear na súa web un sitio gratuíto que ofrecerá recursos e accións para mellorar o benestar emocional, chámase "espazo de autocoidado". 

Fátima López Rodríguez, coordinadora do Espazo de Autocoidado, explica que o autocoidado é un ternos en conta dende unha actitude amable e coidarnos dende o aprecio.

"Nós pensamos que isto é importante, que era importante rescatalo, visibilizalo e espertar na comunidade esta conciencia e axudar a que se poña en práctica", engade. 

O coidado emocional propio favorece sentimentos de estima e seguridade, a base necesaria para aumentar a confianza e superar as preocupacións.

Noticias web

01/02/2021