CRTVG

Buscar

O Colexio de Biólogos de Galicia reclama medidas para prohibir os microplásticos

Publicado o 05/05/2017 14:30

Teñen un grande impacto ambiental pola presenza de substancias químicas contaminantes e tóxicas. Segundo o Foro Económico Mundial, en 2050 haberá máis plásticos que peixes no mar

O Colexio de Biólogos de Galicia reclama medidas para prohibir os microplásticos nos produtos de limpeza e de hixiene. Aseguran que teñen un grande impacto ambiental pola presenza de aditivos e de substancias químicas contaminantes e tóxicas. Polo de agora, só os Estados Unidos e Gran Bretaña sancionan o seu uso. 

O 32% do plásticos que utilizamos acaba na natureza, non só por clasificar mal o lixo senón tamén porque moitos produtos de uso cotiá para hixiene e limpeza e mesmo téxtiles sintéticos conteñen partículas plásticas minúsculas con aditivos e químicos tóxicos. O Colexio de Biólogos de Galicia lanza unha campaña para prohibir os microplásticos.

A comunidade científica detecta unha alta concentración en mares pechados do Canadá, a China e o sudeste asiático pero ningún lugar do mundo está a salvo. Desde hai catro anos, o Instituto Español de Oceanografía e a Universidade de Vigo miden a presenza de plásticos no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Segundo o Foro Económico Mundial, a este ritmo, en 2050 haberá máis plásticos que peixes no mar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/05/2017