CRTVG

Buscar

O colexio comezará nas datas previstas, incluídos os comedores escolares

Publicado o 28/08/2020 10:01

• Galicia recomendará a máscara desde os tres anos sempre que sexa posible

• O protocolo do Goberno recolle o seu uso obrigatorio a partir dos seis anos e o lavado de mans polo menos cinco veces ao día 

• Os colexios só pecharán se hai unha transmisión descontrolada

O curso empezará en toda España con máscara obrigatoria dende os seis anos, distancia interpersoal de metro e medio menos en infantil, que serán grupos burbulla, lavado das mans polo menos 5 veces no tempo da escola, ventilación regular das aulas e será obrigatorio tomarlles a temperatura aos alumnos antes de entrar na clase. O Goberno apela á responsabilidade das familias.

Se hai casos de coronavirus nunha aula, terá que facer corentena todo o grupo. O colexio só se pechará se os contaxios se descontrolan. Cada centro terá que formar o seu persoal e facer un control exhaustivo.

Isabel Celaá, ministra de Educación: "Todos os centros designarán unha persoa responsable para os aspectos relacionados coa covid-19, que debe estar familiarizada con todos os documentos relacionados coa pandemia".

Lembran que a escolarización é obrigatoria entre os 6 e os 16 anos e lanzan unha mensaxe de tranquilidade ante o medo ao contaxio.

O protocolo para a volta ás aulas saíu adiante co apoio de todas as comunidades autónomas salvo o País Vasco, que se abstivo.

Noticias web

28/08/2020