O código dos 6 díxitos, o calote que circula polas redes sociais
Unha vez máis as redes sociais convértense en terreo propicio para que os estafadores fagan o seu agosto. O código dos 6 díxitos é un dos calotes que circula por elas e malia que xa alertou del a Garda Civil a primeiros de ano, segue a deixar un regueiro de vítimas.
"Pois recibimos unha mensaxe vía SMS, ou vía WhatsApp dunha persoa que non coñecemos, cun código de 6 díxitos efectivamente. Minutos máis tarde recibimos outra mensaxe que nos di que foi un erro que esa mensaxe non era para nós pero que el a borrou do seu móbil e que por favor que lla reenviemos. Se o facemos, esta persoa, vaise facer con todos os nosos datos. Pódenos facer unha desfeita", relata Manuel Domínguez, auditor xubilado.
Manuel pasou de destapar fraudes na banca a converterse nun experto en todo tipo de calotes e sabe que en todos eles hai un denominador común.
"Meter presión, meter présa para que ti non teñas tempo a pensar e non poidas reaccionar como sería debido", apunta Manuel Domínguez.
Sen moitos escrúpulos, agora os caloteiros aprovéitanse da crise sanitaria. "Dende a venda da vacina que aínda non existe. E tamén están utilizando o nome da Sanidade para que lle deamos os nosos datos, entre eles o número da conta bancaria, para a partir de aí facernos o que poidan", sentencia Domínguez.
Os expertos aconsellan poñer estas mensaxes sempre en coñecemento da Garda Civil, para axudalos a seguir o rastrexo e poder dar cos estafadores.