CRTVG

Buscar

O cociñeiro Paco Roncero, invitado "con estrelas" da Festa do Melindre de Melide

Publicado o 12/05/2019 13:42

Este domingo é o día grande da Festa do Melindre de Melide. Declarada de interese turístico de Galicia, a festa celebra á súa vixésimo oitava edición co cociñeiro Paco Roncero de invitado estrela e pregoeiro.

Cociñeiro con dúas estrelas Michelín e tres soles Repsol, Paco Roncero elaborou tres creacións, nunha demostración en directo, a partir dos tres protagonistas da festa de Melide: os melindres, os amendoados e os ricos.

"Foi coller estes doces tan típicos da zona e intentar darlles un pouquiño a volta e facer algúns pratos con eles. Un showcooking moi sinxelo, porque sempre digo que produtos que están ricos de por si, hai que tocalos pouco", explica Paco Roncero.

Medio cento de persoas tiveron a oportunidade de seguir o pase de cociña e degustar as creacións de Roncero.

"Exquisito, saborosísimo", di un dos presentes.

"Parecía que era moi empalagoso pero non, para nada: boísimo, moi bo todo", comenta unha muller.

"Moi suave, ben de azucre, moi ben", opina outro home.

Paco Roncero di que xa probara varias veces melindres e que é bo coñecedor da gastronomía galega. 

"Galicia se se basea en algo é no produto e, de feito, a boa cociña baséase no produto. O cociñeiro é o actor secundario dun prato. Os produtos que ten Galicia son únicos e fan que a súa gastronomía sexa única e claro que usamos moitos produtos galegos", asegura o cociñeiro.

A Festa do Melindre e da Repostería Tradicional da Terra de Melide é festa de Intereste Turístico de Galicia desde 2013 e na actualidade a vila conta son seis casas reposteiras que seguen a elaborar os doces propios do lugar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/05/2019