O Clúster da Automoción apoiou a creación de 53 novas empresas
O Clúster da Automoción de Galicia axudou a lanzar 53 novas empresas do sector a través da Business Factory Auto. Hoxe rematou o ciclo de formación dos seleccionados na quinta edición e abriu o prazo de presentación de proxectos para unha nova convocatoria.
O proxecto promovido pola Xunta e a Zona Franca de Vigo, coas grandes empresas do sector asociadas no Clúster axuda a implementar novos proxectos, pasando da idea á práctica. As empresas creadas polos emprendedores seleccionados nas convocatorias da BFA aseguran xa 450 empregos directos de alta tecnoloxía e facturan 82 millóns de euros, parte deles para exportación.
O responsable da planta de Stellantis de Vigo resaltou a importancia que ten para a factoría viguesa e para automoción e n xeral este proceso que acelera a aplicación de solucións innovadoras no sector.
"Esta iniciativa é moi relevante e téñovos que dicir que se observa con grande interese todo o que estamos desenvolvendo aquí como big data, analítica avanzada, predicción e detección de defectos ou avarías, eficiencia enerxética, Internet das cousas, realidade aumentada ou sistemas automatizados en movemento de materiais", dixo Ignacio Bueno, director de Stellantis-Vigo, na sua intervención.