CRTVG

Buscar

O Club Fluvial de Lugo terá que desmontar unha piscina e os peches de varias pistas deportivas

Publicado o 08/07/2021 14:29

A piscina infantil do Club Fluvial de Lugo, que está metida no río, ten os días contados. O mesmo ocorre cos peches das pistas deportivas, que tamén se encontran na zona de dominio público hidráulico. De non seren corrixidas estas instalación nos meses vindeiros, encargarase das obras, de forma subsidiaria, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. En calquera caso, só unha vez subsanadas as deficiencias poderase solicitar un novo concurso público para esta concesión.

Tito Valledor, presidente do Club Fluvial de Lugo: "Nós sempre mostramos a nosa disposición a que se hai que corrixir calquera cuestión que poida afectar a legalización das instalacións no propio concurso, facelo posible para que sigamos gozando vinte anos máis da concesión das instalacións". A decisión do organismo público de corrixir a situación en que se atopaba a ribeira do Miño en Lugo suscitou diferentes reaccións entre os lugueses. Se os ecoloxistas e boa parte da cidadanía ven con bos ollos esta medida, tamén é certo que existe un rexeitamento maioritario entre os socios do Fluvial. Dende a asociación ecoloxista Adega sinalan que os terreos de dominio público da zona do Fluvial serían os idóneos para a creación dunha praia municipal no río Miño.

Noticias web

08/07/2021