CRTVG

Buscar

O Club de Ciencia, canteira da excelencia nos institutos galegos

Publicado o 04/12/2019 14:40

Cada semana, un grupo de estudantes do IES Xelmírez 2 de Santiago pasa unha tarde entre tubos de ensaio, probetas e microscopios. Poñen en práctica, e mesmo amplían, os coñecementos teóricos adquiridos nas clases de ciencias. Mentres outros tocan o piano ou xogan ao fútbol, eles acoden, voluntariamente, igual que os seus docentes, ao club de ciencia do centro.

"Aprenden a traballar en equipo, achéganse ao método científico, coñecen o traballo científico dunha maneira un pouco máis real que nas explicacións máis teóricas das aulas", apunta José Luis Martín, Profesor de física e química no centro.

"Nunca faltan o día que hai club de ciencia, aínda que teñan exames ao día seguinte, sempre están aquí, veñen moi interesados, nunca queren marchar e lles gusta explicarlles os experimentos a outros compañeiros", engade Rosa Quintela, coordinadora do Club de Ciencia do IES Xelmírez 2.

A Xunta puxo en marcha esta iniciativa hai case tres anos. Hoxe hai xa 119 centros que teñen un club de ciencia, e Galicia ten a maior porcentaxe de sobresaíntes de toda España nestas materias. "Creo que estamos abrindo horizontes, e agardamos que isto se traduza despois nas vocacións científicas que tanta falla fan", di a Conselleira de Educación, Carmen Pomar.

Vocacións como a de Marta Pita, matemática e enxeñeira física ferrolá que traballa nunha universidade holandesa despois de rematar a secundaria sempre dentro do sistema público de ensino.

"Este tipo de información que recibimos e actividades extra para facer que os alumnos esteamos máis interesados na ciencia e vexamos que no mundo real é maís que o que se ensina nas aulas, fixo que moitos acabásemos interesados en desenvolver unha carreira científica", recoñece Marta.

Marta acadou tres prestixiosos premios científicos este mesmo ano. Ela é a proba de que os mozos do Xelmírez son o futuro da nosa ciencia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/12/2019