CRTVG

Buscar

O CIS prognostica unha maioría máis ampla para Urkullu en Euskadi

Publicado o 24/06/2020 18:12
O CIS prognostica unha maioría máis ampla para Urkullu en Euskadi


O PNV gañaría as eleccións vascas ao lograr entre 31 e 34 escanos, entre tres e seis máis ca os actuais, e o PSE-EE, o seu actual socio no Goberno Vasco, obtería de 11 a 13 asentos, fronte aos nove actuais. Os resultados permitirían á coalición superar a maioría absoluta na Cámara de Vitoria, fixada en 38. O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicou este mércores unha sondaxe preelectoral con motivo das eleccións ao Parlamento Vasco do próximo 12 de xullo, que tamén mostra que EH Bildu mantería o segundo posto cunha pinza de entre 16 e os 18 parlamentarios que ten na actualidade.

Elkarrekin Podemos-EU lograría 11-12 escanos, agora ten 11, e podería ser superada na terceira posición polos socialistas. A coalición PP+Cs vería minguada a representación que teñen os populares na Cámara de Vitoria, xa que a enquisa lle outorga entre tres e seis asentos, cando agora o PP vasco ten nove.

VOX non lograría entrar no Parlamento Vasco, segundo esta sondaxe, que tamén mostra que a actual coalición de goberno, PNV-PSE-EE, superaría a maioría absoluta, situada en 38, cando nesta lexislatura quedaron en 37 escanos. Segundo o CIS, o PNV lograría o 40,8 % do voto, EH Bildu apañaría o 19 %, o PSE-EE o 15,2 %, Elkarrekin Podemos-EU o 14,9 %, PP+ Cs o 5,9 % e VOX o 1 %. 

Noticias web

24/06/2020