CRTVG

Buscar

O último CIS anticipa unha vitoria do PSOE con entre 133 e 150 escanos

Publicado o 30/10/2019 08:44

• O PP remonta respecto a abril, C's cae e Podemos mantense • O BNG, sen escano • Os políticos, coas notas máis baixas • Un 35% dos que non votarán din que están fartos da política • O PSOE volvería gañar en Galicia • Canto acerta e canto falla o CIS?

O barómetro do Centro de investigacións Sociolóxicas publicado este martes prevé que o PSOE gañará as eleccións do próximo 10 de novembro con entre 133 e 150 escanos. Este resultado melloraría o que os socialistas obtiveron nos comicios de abril, cando alcanzou 123.

En segundo lugar situaríase o PP con entre 74 e 81, que remontaría desde os 66 que logrou en abril.

Unidas Podemos, xunto coas súas confluencias, mantense máis ou menos estable, con entre 37 e 45, fronte aos 42 que obtivo en abril.

A caída máis destacada sería a de Ciudadanos, que perdería practicamente a metade, cunha estimación de entre 27 e 35 escanos, fronte aos 57 que ten nestes momentos.

O cuarto lugar sería para a formación de ultradereita, Vox, á que a enquisa lle dá entre 14 e 21 escanos, tamén baixando desde os 24 que ten na actualidade.

A sondaxe do CIS, realizada entre o 21 de setembro e o 13 de outubro, antes de coñecerse a sentenza do 'procés' e de realizarse a exhumación de Franco, prevé que a formación de Íñigo Errejón, Más País, logre dous escanos, aos que habería que sumar os entre 1 e 2 de Més Compromís.

Entre os nacionalistas, ERC subiría lixeiramente, ata un máximo de 18 escanos, tres máis dos que ten actualmente, JxCAT volvería perder apoios, ao quedar cun máximo de seis deputados, fronte aos 7 de abril, mentres que a CUP entraría no Congreso, con un ou dous deputados.

O PNV revalidaría o seu actual grupo parlamentario cun máximo de sete escanos e EH-Bildu subiría e podería obter ata cinco deputados.

Coalición Canaria quedaría máis ou menos como está, con entre un e dous escanos, ao igual que Navarra Suma, que mantería segundo o CIS os dous escanos que ten actualmente no Congreso. 

Segundo esta enquisa, o BNG non conseguiría representación no Congreso dos Deputados. A sondaxe do CIS dálle á formación que lidera Ana Pontón un 0,4 por cento dos votos totais, pero non son suficientes para lograr actas de deputado polas provincias da Coruña ou Pontevedra, onde aspira a logar un escano.

O PSOE podería gobernar con Podemos ou Ciudadanos coa estimación máis alta

Segundo os resultados que anticipa esta sondaxe, o PSOE podería gobernar ou ben co apoio de Unidas Podemos ou ben co de Ciudadanos, en ambos casos sen necesidade de máis partidos, se consegue a cifra máis alta de escanos que lle dá este barómetro do CIS.

Segundo a enquisa, os socialistas, con entre 133 e 150 escanos, e Unidas Podemos, con entre 27 e 33, sumarían na súa mellor perspectiva 183 deputados (a maioría absoluta está en 176).

No caso de Ciudadanos, o PSOE sumaría co partido de Rivera 185 escanos se ambos alcanzasen a estimación máis elevada que apunta o CIS, que dá aos laranxas entre 27 e 35.