O círculo estréitase arredor do sospeitoso da morte de Déborah Fernández

O círculo estréitase cada vez máis arredor do principal sospeitoso. A Déborah Fernández pérdeselle a pista aquel fatídico 30 de abril de 2002. Segundo fontes da investigación, atopouse pola zona de Alcabre cunha persoa que foi a responsable da súa morte, alguén do seu círculo máis próximo.
A familia sempre sospeitou dun home co que Déborah mantivera unha relación sentimental, a mesma persoa propietaria da colcha cuxas fibras apareceron nas uñas da moza. Dúas testemuñas vírona nesta zona, onde os investigadores cren que esa persoa do seu contorno puido recollela nun vehículo.
Hai uns anos a investigación xa se pechara sobre o principal sospeitoso, no que recaían numerosos indicios, pero finalmente arquivouse o caso. A familia agarda que, despois de 19 anos, os informes pendentes boten luz sobre o caso.