CRTVG

Buscar

O circo Nevada agradece a súa boa acollida en Monforte con funcións de balde

Publicado o 05/06/2020 14:15

Case tres meses despois de instalarse en Monforte, o circo Nevada puido por fin abrirlle as súas portas ao público. Fíxoo coa primeira das oito funcións que ofrecerán de balde aos veciños da vila para agradecer a súa solidariedade e a boa acollida que tiveron durante a súa estadía forzosa.

María Luisa Moreno, directora do circo Nevada: "Vai para tres meses dende que estamos aquí en Monforte. A prensa alertou de que economicamente non estabamos ben e axudáronnos o pobo de Monforte, o Concello e os supermercados. Témosllelo que agradecer a todos. Entón nós decidimos que a única forma de pagárllelo era ofrecendo as nosas funcións de balde, e empezamos onte. É o xoves, venres, sábado e domingo, logo descansamos tres días e outra vez de xoves a domingo. Loxicamente, esta fin de semana limitáronnos a capacidade a só 50 persoas, pero para a vindeira xa será de 130 por día".

Serán en total máis de 700 os monfortinos que poderán gozar gratuitamente do espectáculo deste circo estremeño. Entre os catorce artistas que o integran, de todas as idades, figuran malabaristas, trapecistas, pallasos ou equilibristas.

María Luisa Moreno, directora do circo Nevada: "Onte a experiencia foi marabillosa. Moi nerviosos, todos, porque os números en que non participan a xente foron normais, pero nos que si participa o público o cambio foi total. Os pallasos non podían achegarse ao público, tampouco se podía sacar nenos á pista, pero o público reaccionou moi ben. Erguéronse os papás e os rapaces e participaron connosco, así que foi divertido. E moi emocionante ao ver que comezabamos a traballar".

Tras a súa longa estadía en Monforte, o circo Nevada vai dedicar o resto do ano a realizar unha xira por toda Galicia.

Noticias web

05/06/2020