Sanidade estuda alivios graduais para consolidar a tendencia á baixa da pandemia
O comité clínico estuda esta tarde modificar as restricións nos concellos que presenten cambios nas incidencias, que en xeral comezan a baixar.
Hai melloría nos concellos do Salnés, nos da Mariña -agás en Xove e Foz-, nos da Barbanza -agás en Muros-, nos da Costa da Morte, -agás en Fisterra e Cee. Unha a unha, os membros do comité clínico repasarán esta tarde as cifras de cada concello, cada comarca e cada área, para axustar as restricións.
Marina Varela Durán, xefa de servizo de Anesiostoloxía e Reanimación do CHOP e membro do comité clínico: "Semella que a curva está a estabilizarse e comezando a descender o número de casos activos. Sempre despois dos casos activos, ás dúas semanas, empezan a aparecer os casos en hospitalización e na UCI, que nesta vaga sofren unha presión menor".
En concreto, sete veces menos que as cifras de febreiro, o que permite, grazas ás vacinas, restricións máis laxas para manter en boa parte a actividade económica. Pero insisten desde o comité clínico: seguiranse criterios de prudencia ao iniciar a quinta desescalada.
"O máis importante é tentar baixar as incidencias acumuladas en todas as áreas no conxunto de Galicia, para tentar parar a transmisión do virus para chegar a setembro cuns datos mellores en toda Galicia", explican os expertos.
O obxectivo, diminuír a elevada transmisión das últimas semanas. Xullo supuxo 28.000 novos positivos, persoas que pasaron a formar parte da listaxe dos case 160.000 galegos que padeceron a covid. Os vacinados coa pauta completa son xa dez veces máis.