CRTVG

Buscar

O ciclón Idai deixa máis de 500 mortos no sueste de África

Publicado o 22/03/2019 18:09

A Cruz Vermella cifrou en máis de 200 as persoas desaparecidas no sueste de África tras o paso do ciclón Idai. O regueiro de destrución deixou máis de cincocentos mortos, aínda que se teme que acaben sendo moitos máis. Os equipos de rescate tratan de chegar ata as ducias de aldeas e cidades que quedaron somerxidas por completo en Mozambique, Cimbabue e Malaui.

Moitas persoas levan días agardando nos tellados das súas casas e nas árbores, pero as axencias humanitarias non dan atendido todos cantos damnificados deixou o ciclón Idai.

Ninguén coñece con exactitude a sorte que puideron correr varios centos de persoas que vivían nestes tres países do sueste africano e das que non se volveu saber nada desde a chegada do devastador ciclón o xoves da semana pasada. 

A Cruz Vermella e outros organismos enviaron con urxencia equipos sanitarios básicos para tratar de evitar brotes epidémicos entre os preto de millón e medio de damnificados.

Ademais informaron da morte de polo menos cincocentas persoas, pero as autoridades dos tres países golpeados polo ciclón, as ONG e a ONU admiten que é imposible polo de agora coñecer a dimensión real desta traxedia.

Noticias web

22/03/2019