CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

O ciberataque causou un impacto "sen precendentes", segundo a Europol

Publicado o 13/05/2017 21:03

O ciberataque global que afectou a un cento de países e a máis de 125 mil ordenadores logrou un impacto "sen precedentes", segundo a Europol. Os bancos rusos, os hospitais británicos e a multinacional española Telefónica foron algúns dos afectados. Segundo as autoridades, o ataque está xa "controlado" e estase volvendo á normalidade, "sen danos importantes".

O ciberataque global que afectou a un cento de países logrou un impacto "sen precedentes". Así o recoñeceu hoxe a Europol.

A organización policial europea afirmou que se requirirá unha investigación internacional complexa para identificar os culpables e colaboración para reforzar os sistemas de seguridade.

Os bancos e ferrocarrís rusos, os trens alemáns, os hospitais británicos, a compañía francesa Renault e a multinacional española Telefónica son só algunhas das institucións e empresas golpeadas polo virus Wanna Cry.

Segundo os expertos, o ciberataque está "controlado" e "remitindo", e estanse a limpar os dispositivos afectados.

O virus aproveitou unha vulnerabilidade do sistema operativo Windows, recoñecida pola compañía xa en marzo e detectada pola Axencia Nacional de Seguridade dos Estados Unidos.

Os atacantes realizaron un secuestro exprés de datos e reclamaron un rescate na moeda virtual "bitcoin" para liberar o sistema.

Esa acción do virus foi acoutada por dous expertos británicos... Descubriron por casualidade que un dominio consultado polo software malicioso evitaba a súa activación.

Nas últimas horas, a situación máis grave vivíase no Reino Unido. Alí a maioría de hospitais recuperaron xa a normalidade, en medio das críticas da oposición por non teren actualizados os equipos informáticos dos centros médicos. As autoridades británicas aseguraron que o ataque non puxo en perigo historiais clínicos nin datos dos pacientes.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí