CRTVG

Buscar

O CHUS, referencia en Galicia en pediatría oncolóxica, realiza 12 transplantes infantís de medula ósea ao ano

Publicado o 14/02/2020 14:37

Entre 10 e 12 transplantes infantís de medula ósea cada ano. Son as cifras da Unidade de Pediatría Oncolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. É o centro de referencia en Galicia para este tipo de casos.

Cada ano diagnostícanse en Galicia unha media de 30 casos de cancro infantil. Dos máis duros, pola idade dos pacientes, pero tamén dos de maior taxa de curación. Superan a enfermidade 4 de cada 5 nenos. A maioría deles son atendidos nesta planta do CHUS, en Santiago, o centro de referencia para o transplante infantil de médula ósea.

"Por sorte, a nivel nacional e internacional hai unha rede de doazóns importante, pero tamén temos pacientes que non teñen un doante, por iso é moi importante concienciarnos de que a doazón de médula pode salvar vidas", explica Manuel Fernández Sanmartín, especialista en pediatría oncolóxica.

No acto para conmemorar, hoxe, o Día do Cancro Infantil, Claudia e Noa foron as encargadas de ler un manifesto no que piden máis axuda para superar as barreiras que atopan no camiño da curación.

"As familias necesitamos apoios profesionais para poder superalo", di Claudia Saborido, que é paciente de oncoloxía pediátrica.

Dificultades para as que demandan o recoñecemento dun 33 por cento de discapacidade desde o momento do diagnóstico, ao tempo que agraceden o apoio dos equipos sanitarios que os atenden.

"O primeiro para min vir ao hospital era unha tortura, e agora ata, cando teño un mes sen vir, boto en falta vir. Despois tamén creas uns vínculos con outros nenos que son para sempre", explica Noa Moares, de 14 anos.

Tamén piden que o acceso ás unidades pediátricas específicas se estenda ata os 18 anos e máis horas do programa Profe na Casa.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2020