CRTVG

Buscar

O CHUS aplicará radioterapia no quirófano grazas a un acelerador móbil

Publicado o 14/05/2020 14:19

O acelerador móbil permite aplicar doses terapéuticas de alta precisión durante a operación. Evita levar o paciente desde o quirófano ata o búnker de radioterapia, porque, con este sistema, é o aparello o que se move ata o lugar da intervención. A nova técnica é máis eficaz e segura, segundo salienta o equipo médico do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Antonio Gómez Caamaño, xefe do Servizo de Oncoloxía Radioterápica do CHUS: "Permite visualizar a zona onde vas administrar o tratamento e, ao mesmo tempo, protexer todos os órganos que haxa arredor da zona que se vai radiar. Ao facelo cun acelerador portátil, é moito máis doado, desde o punto de vista loxístico, levar o acelerador ao quirófano que levar o paciente desde o quirófano ao búnker de quimioterapia".

Permite que se traten máis pacientes, por exemplo, con cancro de recto e tamén con outros tumores.

Manuel Bustamante, xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do CHUS: "No cancro de mama, que non se fai actualmente, hai un campo de acción moi importante, podemos chegar a tratar moitos casos. A paciente que se trate intraoperatoriamente non terá que ser radiada despois da intervención".

E hai outras indicacións, como o tratamento de sarcomas ou dalgúns casos de cancro de páncreas. O acelerador móbil ten un custo de millón e medio de euros.

Noticias web

14/05/2020