CRTVG

Buscar

O CHUS incorpora unha nova técnica para localizar e extraer nódulos pulmonares

Publicado o 13/05/2019 19:28

O hospital de Santiago aplica unha nova técnica para localizar e extraer pequenos nódulos pulmonares, ata o de agora case imposibles de extirpar con exactitude. Un radiofármaco sen efectos secundarios, inxectado o día antes da operación, facilita unha intervención minimamente invasiva e sumamente precisa.

Nódulos pulmonares de menos dun centímetro de diámetro, situados en zonas de difícil visualización e polo tanto de extracción moi complicada. Para ese tipo de lesións, o Complexo Hospitalario de Santiago incorpora unha nova técnica de medicina nuclear.

"O que imos facer é utilizar un radiofármaco, unha substancia que emite unha mínima enerxía radiactiva moi pequena de forma que nos sirva como unha baliza localizadora para que no quirófano poidamos atopar esa lesión tan pequena".

Ese fármaco radiactivo inxéctase no pulmón o día anterior á intervención, para que os cirurxiáns teñan perfectamente localizado o nódulo e o poidan extraer por completo.

"Dinos exactamente onde está localizado o tumor, co cal podémolo quitar con seguridade e sen mingua da técnica de mínima invasión cirúrxica que achega moitos beneficios ao paciente, en termos de dor, estadía hospitalaria, recuperación funcional...".

Esta técnica, que xa se emprega en tumores de mama, podería beneficiar dez pacientes do hospital neste primeiro ano, pero os especialistas calculan que serán moitos máis. Polo de agora, xa levan realizadas con éxito dúas intervencións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/05/2019