CRTVG

Buscar

O CHUS demostra a alta eficiencia do 'pooling' para detectar a covid-19

Publicado o 30/09/2020 15:30

O Hospital Clínico de Santiago demostra nun artigo científico a alta eficiencia do pooling para a detección do coronavirus. Este método, que xa se usa en Galicia, agrupa as mostras de varias persoas nunha soa PCR, e é especialmente útil nos cribados masivos.

O test agrupado ou pooling non é algo novo. Usouse para detectar a sífile ou o VIH de xeito rápido é eficaz. Agora un estudo liderado polo hospital Clínico de Santiago demostra que tamén é unha ferramenta eficiente na loita contra o coronavirus.

María Luisa Pérez del Molino, xefa do Servizo de Microbioloxía da área de Santiago, "pensamos na súa utilidade desde o principio da pandemia porque permite analizar máis mostras en moito menos tempo e porque tiñamos medo a quedarnos sen reactivos".

O método permite aforrar cartos e tempo nos laboratorios mesturando as mostras de 10 pacientes diferentes nunha única proba PCR.

María Luisa Pérez del Molino, xefa do Servizo de Microbioloxía da área de Santiago: "Se é negativo, emítese o informe de negatividade do grupo. Se é positivo, hai que repetir as dez PCR individualmente".

O pooling resulta especialmente útil para facer cribados masivos entre os colectivos vulnerables.

María Luisa Pérez del Molino, xefa do Servizo de Microbioloxía da área de Santiago: "As residencias sociosanitarias son un caso claro para facer un pooling ou cando hai un gromo e se quere facer un cribado masivo nunha zona ampla é a técnica idónea".

Iso si, para usar o pooling cómpre que a prevalencia da infección sexa baixa. Se hai moitos positivos a estratexia cambia e o mellor é optar por probas PCR individuais.

Noticias web

30/09/2020