CRTVG

Buscar

O CHUS abre unha unidade de pé diabético para reducir as amputacións

Publicado o 14/11/2017 21:26

Hoxe é o Día Mundial da Diabetes, unha enfermidade crónica que condiciona para sempre a aqueles que a sofren. Aquí, en Galicia, están a desenvolverse investigacións destacadas para mellorar a calidade de vida dos doentes.

A iluminación tingue de cor morada numerosos monumentos en todo o mundo neste día dedicado a concienciar sobre a diabetes, unha enfermidade que padecen máis de 350.000 galegos. Para darlle resposta á prevalencia desta doenza, o hospital de Santiago puxo en marcha unha unidade de pé diabético. E en Vigo investigan con fármacos que poden mellorar a calidade de vida dos doentes que, ademais, teñen obesidade.

No laboratorio de endocrinoloxía da Universidade de Vigo levan anos investigando a diabesidade, pacientes con obesidade e diabetes tipo 2. Ambos os dous trastornos levan asociadas enfermidades neurodexenerativas. Os biólogos observaron que os fármacos empregados para tratar a diabetes poden paliar a neuroinflamación.

Mentres, en Santiago, o hospital acaba de poñer en marcha unha unidade multidisciplinar que vixía de preto os pés dos doentes diabéticos. E é que das 75 amputacións parciais ou totais de pés que se fixeron neste centro, 40 foron de pacientes que sofren esta enfermidade. A nova unidade conta con endocrinos, podólogos, enfermeiras e médicos vasculares.

A posta en marcha desta unidade e a investigación de novos fármacos afectarán directamente os máis de 350.000 galegos que padecen diabetes .

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/11/2017