CRTVG

Buscar

O CHUO gaña o premio do Foro Afectivo Efectivo pola atención durante a pandemia

Publicado o 24/06/2021 20:46

Esperanza é unha palabra que se repetiu moito durante a pandemia, pero no Hospital de Ourense adquire unha dimensión especial. Desenvolveron un proxecto de atención afectiva ao paciente, a Operación Esperanza, que acaba de recibir o primeiro premio nun certame de ámbito nacional.

Cando o illamento se instalou nos hospitais por mor da pandemia, o servizo de atención ao paciente do hospital de Ourense non se resignou. Buscaron novas vías para que o aspecto afectivo non quedara desatendido.

Chamáronlle Operación Esperanza, e tivo diversas manifestacións, desde facilitarlles videoconferencias aos pacientes ingresados, ata achegarlles cartas dos seus seres queridos ou mesmo festexarlle o aniversario a unha centenaria con covid.

Belén Piñeiro, xefa de Atención ao Paciente de Ourense afirma que "aínda que poida parecer raro celebrar nesa situación, esa era a mensaxe: que se podía saír".

Conseguiron o primeiro premio do Foro Afectivo Efectivo, ao que concorren iniciativas para fomentar o benestar no ámbito sanitario de toda España.

Verónica Civeira, enfermeira coordinadora do programa 'Pupas, sustos e outros disgustos' aseguraba que "este recoñecemento para nós é moi importante polos valores deste foro, que prioriza a humanización, a empatía, tan importantes na nosa profesión".

Tamén participou o Hospital de Ourense co programa Pupas, Sustos e outros disgustos; concibido para que os máis pequenos se familiaricen coa atención sanitaria.

Noticias web

24/06/2021