CRTVG

Buscar

Finaliza o xuízo polo crime de Diana Quer: o destino do Chicle, en mans do xurado

Publicado o 26/11/2019 16:01

As nove persoas, cinco homes e catro mulleres, que forman o xurado popular no proceso polo crime de Diana Quer iniciaron ao mediodía deste martes o proceso de deliberación sobre os feitos, para determinar o grao de culpabilidade do único acusado, Enrique Abuín Gey.

O xuízo finalizou tras máis de dúas semanas cando e se lle deu ao acusado a posibilidade de dicir a última palabra. O Chicle decidiu exercer ese dereito e, ante o xurado popular que debe dirimir o seu grao de culpabilidade, pediu "novamente perdón" á familia da vítima.

"Non teño máis nada que engadir ao que dixo a miña avogada, pedir novamente perdón", manifestou sucintamente, e esta frase puxo fin a unha vista en que prestaron declaración medio centenar de testemuñas e 40 peritos para tratar de achegar luz a un crime cometido o 22 de agosto de 2016.

A acusación particular que exercen Juan Carlos Quer e Diana López-Pinel, os pais de Diana, do mesmo xeito que o Ministerio Fiscal, esixen para o acusado a condena a prisión permanente revisable por detención ilegal, asasinato aleivoso e agresión sexual.

Fronte a iso, Fernanda Álvarez, avogada que pola quenda de oficio representa ao Chicle, mantén a súa petición de dous anos e medio por un homicidio imprudente, pero contempla como subsidiaria a solicitude de homicidio doloso cunha condena de entre cinco e sete.