CRTVG

Buscar

O chavismo reacciona fronta á "ameaza intolerable" de Trump e convoca eleccións rexionais para outubro

Publicado o 13/08/2017 14:20

O goberno de Maduro recibiu o apoio da maior parte dos países americanos fronte á advertencia de Donald Trump de que os Estados Unidos poderían intervir militarmente en Venezuela

Coa advertencia de que os Estados Unidos non descartan intervir, mesmo militarmente, nun país xeograficamente tan próximo coma Venezuela, Trump activou o peche de filas do chavismo. O fillo de Maduro, desde o seu escano na Asemblea Constituínte, tivo unha das reaccións máis acendidas: "Se se dese o suposto negado de macelar o solo patrio, os fusís chegarán a Nova York, señor Trump. Chagariamos e tomariamos a Casa Branca". 

Máis cauteloso, pero igual de firme, o chanceler venezolano non dubidou en cualificar as verbas de Trump como "ameaza intolerable": "Representa unha ameaza directa á paz, a república bolivariana de Venezuela".

No repudio ás verbas de Trump, Venezuela contou co apoio dos seus tradicionais aliados, como Bolivia ou Nicaragua, mais tamén co de países críticos con Maduro, como Colombia e o Perú, ou o dos agrupados no Mercosur.

Mentres, o novo lexislativo controlado polo chavismo aprobaba por unanimidade a convocatoria das eleccións rexionais para o vindeiro mes de outubro, adiantando así dous meses a data que se daba por máis probable.

Todo isto sucedía mentres as rúas de Caracas volvían vivir unha xornada de mobilizacións opositoras e se coñecía un informe que cifra en dous millóns as persoas que se exiliaron do país desde a chegada de Chávez ao poder. Os Estados Unidos, con 400.000, e España, con 300.000, son os destinos que suman máis venezolanos exiliados.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/08/2017