O CGAC amosa os camiños como tema da arte e da vida
O Centro Galego de Arte Contemporánea inaugurou unha exposición que nos invita a peregrinar de distintas maneiras. Trátase dunha selección de obras da súa colección que conectan o feito de camiñar coa natureza e coa ruta xacobea, que falan do Camiño como un dos grandes temas da arte e da vida.
Pensar, por un lado, no que van vendo os pés. E, polo outro lado, no que van vendo os ollos.
Pensar nunha mirada. Pensar en máis de mil miradas. Son peregrinos reratados na praza do Obradoiro, son as miradas do final do Camiño.
É un artista suízo polas cubertas da catedral, co paraugas.
É un artista coruñés co seu caxato titulado 'O que acompaña e o que somete'.
Son unha vintena de artistas. É a exposición 'Camiños I'. Son obras que ofrecen a experiencia do camiñar. As múltiples experiencias do camiñar. Como atravesar Finlandia pensando en que todo sairá ben.
Van do recollemento á invitación de mirar certos ángulos. Parar para contemplar a compostelá praza de Galicia cando nos obrigan a parar.
Parar parou un artista navarro que percorreu tres camiños a Santiago. Cada once pasos paraba e sacaba unha foto. O resultado, en horas de vídeo, en quilómetros de vídeo. Unha foto cada once pasos. Unha obriga de pensar, de sentir, de vivir o Camiño.
É o feito do Camiño, unha experiencia, a aprendizaxe. E o que perciben os pés e o que perciben os ollos acaban por unirse. Repetir que o destino é o camiño. Unha viaxe que nunca acaba.