CRTVG

Buscar

O certificado europeo de vacinación tamén informará de test negativos e de anticorpos

Publicado o 17/03/2021 15:46

O certificado dixital verde, co que a Comisión Europea tenta impulsar as viaxes na Unión Europea durante o verán, acreditará se unha persoa está vacinada contra a covid-19, se deu negativo nalgunha proba diagnóstica ou se ten anticorpos porque pasou a enfermidade.

O executivo comunitario asegurou, durante a presentación do documento, que o feito de estar vacinado non será un requisito para poder viaxar. Calquera persoa que non tivese a oportunidade ou se negase a facelo poderá demostrar cunha PCR ou cun test de antíxenos a súa condición sanitaria, polo que toda a cidadanía terá os mesmos dereitos.

Segundo a proposta da Comisión Europea, só se terán en conta as vacinas autorizadas pola Axencia Europea do Medicamento. Porén, os países da UE poderán decidir se aceptan outros fármacos, como o ruso Sputnik V ou o chinés Sinopharm.

Código QR ou en papel

O certificado, que será de balde, conterá a información en dúas linguas, na oficial do Estado membro que o emita e en inglés, para poder garantir o seu recoñecemento en todos os países da Unión Europea. Ademais, poderá amosarse mediante un código QR ou en papel, no caso de non dispoñer dun teléfono intelixente.

Bruxelas pretende, deste xeito, incentivar as viaxes nos paíes da UE, así como en Noruega, Suíza e Lichtenstein. Para iso, pídelles aos gobernos que eximan as persoas con certificado da obriga de gardar corentena cando cheguen a destino ou de facer un test.

"Co certificado estamos apostando por un enfoque europeo para garantir que a cidadanía e as súas familias poidan viaxar este verán de xeito seguro e coas restricións mínimas", dixo o comisario de xustiza, Diier Reynder.

"O noso obxectivo principal é ofrecer un sistema doado de usar, non discriminatorio e que sexa unha ferramenta segura para respectar completamente a protección de datos", engadiu a vicepresidenta do Executivo comunitario, Vera Jourová.

Reticencias dalgúns países

Bruxelas presentou o certificado tan só tres semanas despois de que os xefes de Estado e de Goberno decidiran seguir adiante coa esta proposta no última cumio de febreiro.

A proposta agrada os países do sur, moi dependentes do turismo, pero outros como Francia ou Bélxica expresaron as súas reticencias argumentando que pode discriminar as persoas.

Pola súa banda, a chanceler alemá, Angela Merkel, engadiu que o documento non debería usarse para facilitar viaxes ata que a gran parte da poboación teña a posibilidade de se vacinar.

Outra das dúbidas formuladas céntrase no descoñecemento do tempo pode durar a inmunidade das vacinas e ata que grao as persoas inoculadas poden contaxiar o resto.

O certificado, que caducará cando a OMS declare a fin da pandemia, aínda debe recibir o visto e prace dos Estados membros e do Parlamento Europeo.