Santiago Pemán, entre os premiados coa Medalla Castelao 2021
O presidente da Xunta anunciou a concesión dunha das Medallas Castelao 2021 ao Centro Superior de Hostalería de Galicia, como "homenaxe" ao sector polo seu comportamento durante a pandemia do coronavirus.
Na conferencia de prensa tras o Consello da Xunta desvelou tamén o destino das outras catro Medallas Castelao, coas que o Goberno galego recoñece persoas ou entidades que destacaron pola súa obra literaria, artística ou intelectual.
Entre elas, está Santiago Pemán, "o noso home do tempo por excelencia", salientou Alberto Núñez Feijóo sobre o profesional encargado da información meteorolóxica nesta casa, a TVG, durante moitos anos.
Ademais, tamén reciben a distinción Xoán Luís Saco, que foi presidente da Fundación Otero Pedrayo, a xornalista radiofónica Esther Eirós e o profesor Manuel Vila López, fundador da Asociación de Integración Xitana de Lugo.