CRTVG

Buscar

O Centro de Transfusións de Galicia solicita doazóns de sangue nos meses de verán

Publicado o 18/07/2019 14:39

Coa chegada do verán e as vacacións adoitan diminuír as doazóns de sangue e, en consecuencia, baixan as reservas. Por ese motivo, dende a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia fan un chamamento á colaboración cidadá.  

Ángeles Pazos, Axencia de Doazón de Órganos e Sangue "Facemos un chamamento xeneralizado a todos os doadores, pero especialmente aos dos grupos 0 negativo, que é o universal, e 0 positivo e A positivo".

Tres de cada catro galegos pertencen ao grupo 0 positivo ou A positivo, de aí a alta demanda deste grupo sanguíneo no día a día dos hospitais. Os requisitos para doar son sinxelos.

Ángeles Pazos, Axencia de Doazón de Órganos e Sangue: "Hai que ser maior de idade, pesar máis de 50 quilos e non padecer enfermidades transmisibles polo sangue".

A doazón de sangue é un acto totalmente voluntario. No caso das mulleres, a lexislación establece un máximo de tres veces ao ano, mentres que os homes poden doar catro veces no mesmo período. Unha das campañas máis complicadas é a de verán.

Ángeles Pazos, Axencia de Doazón de Órganos e Sangue: "Esta campaña abrangue de xuño a setembro e necesitamos unhas 40.000 doazóns para que os hospitais leven a cabo o seu labor asistencial".

Entre os doadores animan a realizar este xesto, en que só investimos vinte minutos e co que podemos salvar ata tres vidas.

En caso de querer doar, podemos achegarnos a calquera das dez unidades móbiles que todos os días percorren Galicia e tamén nos sete locais de doazón instalados nas sete grandes cidades galegas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/07/2019