CRTVG

Buscar

O Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Oleiros acolle a píllara de dunas, unha especie vulnerable

Publicado o 27/06/2019 14:31

A píllara das dunas é unha ave que se reproduce nas prais e, polo perigo que corren, moitas son transladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe, na localidade oleirense de Santa Cruz. Ata alí chegaron a comezos de xuño dous ovos, aínda que só sobreviviu un dos pitiños. Pero non só se atopa este exemplar, lévanse moitos para recuperarse das malas condicións nas que foron atopados.

"Hai tres postas distintas en distintas fases. Un par de ovos na incubadora, dun niño que se atopou abandonado, aínda que se leva moito tempo posiblemente non cheguen a nacer. Despois hai outras tres píllaras que naceron nunha posta recollida, e por último, unha píllara que xa está desarrollada e lista para ceibar pronto", di Javier Balado, o veterinario do Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Santa Cruz.

As píllaras chegan ao centro porque están expostas a perigos como as mareas ou as persoas no verán. Alí levan a cabo a súa recuperación para poder polas en liberdade no seu hábitat natural.

"Nós intentamos reproducir ao máximo posible a situación natural; coidados dámoslle calor e a alimentación o máis aproximada ao que comerían na natureza. A píllara é unha especie vulnerable, porque a coincidencia de época de cría das píllaras e cas persoas nas praias supón unha interferencia na que os niños se poden ver perxudicados. Os sistemas de limpeza das praias, as persoas andando polo medio dos niños, son un problema para a cría desta especie", di Balado.

A píllara das dunas, coñecida cientificamente como Charadrius alexandrinus, foi elixida como a ave do ano pola Sociedade Española de Ornitoloxía. O obxectivo é dar a coñecer esta especie e concienciar a xente da vulnerabilidade á que se expón.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/06/2019