CRTVG

Buscar

O Centro de Investigacións Forestais de Lourizán estuda especies arbóreas alternativas

Publicado o 18/09/2018 13:02

Determinar que especies forestais se van adaptar mellor ao cambio climático na Europa Atlántica, ese é o obxectivo de Reinfforce, un proxecto europeo en que participa o Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Desde Escocia ata Lisboa, os investigadores están a analizar o comportamento de 38 especies forestais de máis dun cento de orixes.

O cambio climático é xa unha realidade, e cómpre prepararse para coñecer os seus efectos. Na xornada sobre "especies arbóreas alternativas fronte ao cambio climático", o departamento de ecosistemas forestais do centro de investigacións de Lourizán presentou os primeiros resultados de Reinfforce, un proxecto europeo en que participan 12 institutos do Reino Unido, Francia, España e Portugal para estudar como lles vai afectar o cambio climático ás distintas especies forestais.

Para facelo plantaron un total de 38 arboretos por toda a Europa Atlántica, desde as terras altas de Escocia ata Lisboa ou Os Azores. Tres deles están en Galicia, en Porto do Son, na Pobra do Brollón e este, localizado no propio predio de Lourizán, na ría de Pontevedra. En cada un destes arboretos hai implantadas 38 especies forestais, con tres procedencias distintas por especie.

Para poder facer comparables os ensaios, todos os arboretos se plantaron de xeito simultáneo en 2012 e toda a planta que se empregou procedía do mesmo viveiro francés. Para non alterar o resultado dos ensaios non se fixeron nin fertilizacións nin tratamentos fitosanitarios, e durante 15 anos os investigadores tomarán datos sobre o seu crecemento, para coñecer a súa adaptación a cada clima e o potencial produtivo e sobre a súa saúde, para coñecer cales son as pragas ou enfermidades que lle poden afectar.

Ata o 2027 non haberá resultados concluíntes. Pero nestes primeiros anos os científicos de Lourizán xa observaron comportamentos interesantes nalgunhas especies. Así confirmaron que a alfarrobeira, típica do clima mediterráneo, non se adaptou a Galicia. Pero si o fixo a betula pendula, un bidueiro branco orixinario de Europa Central. Tamén destacou a boa adaptación do Pinus Taeda, un piñeiro resistente aos nematodos. 

O obxectivo final do proxecto Reinfforce é determinar que especies van resistir mellor en cada rexión o aumento das temperaturas, ou a chegada de fenoménos atmosféricos extremos como as secas e os temporais, e compartir estes datos para poder ter unha proxección para o futuro destes cambios.

Ademais dos arboredos, o proxecto Reinfforce conta tamén con 41 parcelas de demostración, 6 delas en Galicia, en que se están a aplicar técnicas silvícolas adaptadas ao impacto do cambio climático.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/09/2018