CRTVG

Buscar

A Revista

O Centro de Interpretación de Villestro, no rural de Santiago, acolle a exposición 'Compostela rupestre'

Publicado o 25/05/2015 13:12

Convidámolos a realizar unha pequena viaxe á prehistoria do concello de Santiago, a través da exposición 'Compostela rupestre'. Esta proposta, que está aberta ao público durante estes días na parroquia de Villestro, inclúe unha escolma fotográfica das mellores imaxes de todos os petróglifos descubertos no municipio.

Con motivo da inauguración do centro, o Concello de Santiago decidiu contactar coa asociación cultual A Rula. Este colectivo, especializado en arte rupestre, foi o encargado de elaborar a proposta e de organizar a primeira exposición en Villestro.

Esta exposición só recolle unha pequena parte do inmenso patrimonio que, segundo os membros da asociación, aínda está por descubrir na contorna de Santiago. A zona de Villestro presenta a maior densidade de petróglifos de toda a comarca e, a pesar de compartir certos trazos comúns con outras rexións, tamén amosa algúns elementos diferenciadores.

'Compostela rupestre' busca concienciar a poboación acerca da importancia de preservar o noso legado histórico. Iniciativas coma esta poden supoñer o primeiro paso nesa dirección, que pasa obrigatoriamente por dar a coñecer a riqueza patromonial da zona aos propios veciños do lugar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

25/05/2015