CRTVG

Buscar

O centro comercial Área Central de Santiago recobra a normalidade tras o incendio que deixou sen luz o edificio

Publicado o 11/07/2019 20:06

O incendio nun transformador en Área Central, no barrio santiagués das Fontiñas, deixou sen subministración eléctrica unha parte considerable dos negocios e vivendas. 

Ás tres da tarde a compañía eléctrica restableceu a subministración e, pouco a pouco, os negocios foron abrindo as súas portas. A situación normalizouse, pero o testemuño da veciñanza lembra momentos de alarma. Unha traballadora explica cómo se encheu todo de fume, cómo tremeu o chan e cómo, durante trinta minutos, non paraba de escoitar explosións.

O incendio declarouse contra as sete da mañá no transformador eléctrico situado nun dos accesos ao aparcadoiro de Área Central, un espazo onde conviven locais comerciais, vivendas e un hotel. Todos sufriron, en maior ou menor medida, as consecuencias dunha avaría que aínda está por determinar. Unha das veciñas que utiliza un respirador conectado á rede eléctrica tivo que ser trasladada en ambulancia ao hospital.

Un equipo dos bombeiros sufocou o incendio e permaneceu no lugar ata a chegada da empresa encargada de restablecer a subministración eléctrica.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/07/2019