CRTVG

Buscar

O centrista Laschet sucederá a Merkel á fronte da CDU

Publicado o 16/01/2021 13:43

O primeiro ministro do land de Renania do Norte-Westfalia, o centrista Armin Laschet afín á chanceler alemá Merkel impúxose na segunda volta da votación telemática dos delegados da CDU para elixir o novo líder do partido.

O gañador do congreso dixital da formación representa a continuidade coa política de Merkel e venceu o seu rival e inimigo histórico da chanceler, o multimillonario Friedrich Merz, representante da facción dereitista da CDU. Laschet no seu discurso antes da votación, nun ton persoal lembrou as súas orixes humildes nunha zona mineira e alertou contra a polarización, os extremismos e situacións como a rexistrada nos Estados Unidos, co asalto ao Capitolio por parte de seguidores do presidente saínte, Donald Trump.

Merkel previamente, nun discurso de saúdo aos delegados, aludiu ao espirito de equipo e, sen pedir o voto para o primeiro ministro renano, as súas palabras interpretáronse como un apoio. A chanceler non se presentará ás próximas eleccións do 26 de setembro, polo que o seu sucesor á fronte da CDU podería ser o candidato conservador aos comicios dentro de só uns meses. Aínda que a decisión aínda non está tomada e ten rivais internos para esa nominación.

Laschet logrou 521 votos fronte a 466 de Merz, o seu rival. Formalmente Laschet non sucede a Merkel como líder da CDU, senón a Annegret Kramp-Karrembauer. A actual ministra de Defensa gañou en 2018 en Hamburgo o congreso da CDU contra Merz tamén, pero logo renunciou.

Noticias web

16/01/2021