O Celta xoga unha nova final ante o Xirona
Con todos dispoñibles excepto Brais, Juncá e Emre Mor, o Celta comeza unha nova semana decisiva, en que os seus partidos, e os dos rivais directos, determinarán o desenlace desta temporada agónica. E unha ollada ao calendario non axuda a desvelar as dúbidas. Para Fran Escribá, "os puntos que nos van salvar son os nosos, dos rivais agardamos que os resultados nos benficien, pero nós non xogamos aí. Temos un calendario parecido. Todos son de enorme dificultade, e todos temos aínda algún partido de máxima dificultade por riba da media."
Primeira parada, Xirona en Balaídos, coa oportunidade de adiantar os cataláns e metelos de cheo na lea pola permanencia logo dunha nefasta serie en que xa acumulan catro derrotas consecutivas. Unha situación que lembra á que viviu o Celta hai ben pouco.