O Celta visita Butarque coa intención de sumar para afastarse do descenso
En Butarque xóganse esta fin de semana tres puntos vitais para poñer distancia co descenso.
"Pídoslles aos xogadores que non miren a clasificación, creo que é demasiado cedo para facer iso. Quero un equipo valente e que xogue cada vez máis como queremos", di o adestrador.
O técnico esixe concentración ao tempo que as olladas se dirixen ao Mallorca, rival esta noite do Barcelona, e ao Eibar, que recibe a un Xetafe con aspiracións europeas. O Celta necesita encadear vitorias se quere aliviar a presión da parte baixa da táboa.
"Hai xogadores que levan moito tempo aquí e que saben o tempo que hai que non se gañan dous partidos seguidos. Iso ten a súa parte positiva porque é un aspecto que queremos romper. Pero ten un lado negativo porque iso pode afectarlles. Creo que algúns xogadores que acusaron esa presión no partido que xogamos aquí e o que necesitamos e que a saquen de enriba. Porque precisamos que todos estean centrados no que teñen que estar", engade Óscar García.
Así que o técnico podería introducir cambios no once. Rafinha apunta a titular tras xogar uns minutos ante o Valladolid. Okay pelexa por un posto no centro do campo e Gabriel Fernández sona para acompañar a Iago na dianteira. A outra incógnita está baixo os paus, onde Sergio e Rubén aspiran á titularidade.