CRTVG

Buscar

O Celta terá listo a Aspas contra a Real pero perde a Brais por rotura de fibras

Publicado o 05/04/2019 17:58

O celtismo pode respirar tranquilo. Iago Aspas está listo para disputar o domingo unha nova batalla. Desta volta ante a Real Sociedade.

Esta mañá de venres o dianteiro moañés conversaba con Fran Escribá. Non hai dúbidas. O partido do domingo volve ser outra final para o Celta. Balaídos volverá rozar o cheo. A salvación está a un punto e os rivais directos... non carburan.

A xornada pechou cun resultado inmellorable para o Celta. O Valladolid perdeu no 96 con este gol de Guido Carrillo para o Leganés para apertar aínda máis a loita polo descenso. Un punto separa agora mesmo o Celta dos pucelanos e o Vilarreal, e a tres está o Levante. Como vaticinou Escribá tras o partido, o empate do Alcoraz rendeu.

Fran Escribá, adestrador do Real Club Celta: "Pensar que aínda que o punto pareza pouco, os puntos da salvación están en calquera campo, e ao mellor este punto que parece pouco agora, ao remate da temporada pensaremos que foi moi valioso para o resultado final".

Nunha semana tola, os ánimos volven subir antes doutra final contra a Real, en que Escribá agarda outra vez un Balaídos decisivo.

Fran Escribá, adestrador do Real Club Celta: "Supoño que terían momentos de ledicia e momentos de decepción vendo que nos remontaban, pero tamén viron que o equipo se baleirou e foi quen de empatar un partido moi difícil. Volvo dicir o mesmo, aquí perderon moi bos rivais, e non é un campo fácil. E o domingo sei que imos poder contar con eles contra a Real nun partido importantísimo. E van apoiar como o outro día".

Non se equivoca Escribá. As peñas xa convocaron para outro recibimento multitudinario antes do partido.

Brais sofre unha rotura de fibras nun bíceps.
Ante a Real Sociedade veremos quen ocupa o posto de Brais Méndez. Aínda non se coñece o alcance exacto da rotura fibrilar que sufriu o canteirán. A primera avaliación indicou que o tempo estimado de baixa non será inferior a tres semanas.

Noticias web

05/04/2019