CRTVG

Buscar

O Celta ten o décimo primeiro tope salarial; o Deportivo, o sexto de segunda, e o Lugo, o décimo sexto

Publicado o 09/09/2019 20:51

A Liga acaba de facer pública unha das grandes claves da temporada, os límites salariais dos equipos de primeira e segunda división. É dicir, os cartos que puideron gastar na confección do equipo.

O Celta dispuxo de algo máis de 62 millóns de euros, case 10 máis que a a pasada campaña. En relación ás posibilidade de gastos dos outros equipos da Liga, os vigueses son os décimo primeiros. O incremento vén marcado pola 'operación retorno'.

Moi distinta é a situación do Deportivo, ao que o non ascenso lastrou, como era de agardar. O equipo herculino pasou de ter 18 millóns e medio o ano pasado a ter pouco máis de 11. Do terceiro límite salarial máis alto, ao sexto. Por detrás das Palmas e por diante do Spórting, o vindeiro rival. Máis de 7 millóns de diferenza para investir nun equipo ao que houbo que incorporar 14 novas fichaxes.

Moito máis estable resulta a situación para o Lugo, que ve incrementado o seu tope en 800.000 euros, achegándose aos 6 millóns e situado no posto 16 da segunda división.

Cómpre lembrar que é cada club o que lle propón á liga o seu límite de custo que inclúe non só o salario, senón tamén a seguridade social, as primas, os gastos de adquisición do xogador e as amortizacións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/09/2019