CRTVG

Buscar

O Celta soña con Europa

Publicado o 23/07/2019 17:14

Chegan as fichaxes estrela do novo Celta, e fano convencidas de que Europa é posible. "Eu anímome a dicir e a pensar que temos un equipo para pelexar por postos europeos, está claro", di Santi Mina. "Temos que ter ambición e cotas altas e mirar cara a arriba se as cousas van ben, creo que temos equipo e ambición para intentar estar entre os sete primeiros", cre Santi Mina.

Os capitáns recoñecen a mellora e o aumento da ilusión, pero teñen moi fresco o sufrimento da temporada pasada como para desatar a euforia. "Para nós, quedar entre os 10 primeiros é un logro e despois mirar cara a arriba, estarmos loitando por eses postos. O discurso que tiña o ano pasado non o vou cambiar este, porque tiñamos un ou dous xogadores máis", asegura Iago Aspas. "Coas fichaxes que fixo o club, non podemos aspirar a quedar de 15. Pero hai que ter os pés no chan, porque a temporada é longa", cre Hugo Mallo.

En calquera caso, a Reconquista da temporada pasada é un punto de partida válido para poder soñar con Europa. "Por que non? Vimos duns anos un pouco revoltos, en que non saían as cousas como queriamos, pero este ano pode ser o ano", explica Brais. E Lobotka pensa que "a última temporada tiñamos moi bo equipo, pero non se deron os resultados. Se loitamos como nos últimos sete partidos, teremos opcións de ir."
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/07/2019