CRTVG

Buscar

O Celta perde 3-2 no campo do Leganés

Publicado o 08/12/2019 21:16

O Celta dominou a posesión, o Leganés puxo o perigo. Óscar García fixo tres trocos con respecto ao once titular da semana pasada ante o Valladolid. Rubén, na porta, e Okay e Rafinha, por Lobotka e Pione. Non funcionou. Rubén enviou a córner un disparo de Braithwaite. Nese saque dende o currunho, o remate de Awazien envelenouse ao petar en Araújo e estrelouse na trabe. No 15, Óscar Rodríguez fixo o 1-0 cun gran lanzamento de falta. Superou por alto a barreira e Rubén nada puido facer. Si que estivo ben para deter este remate de Bustinza. E no 38, chegou o segundo, outro golazo de Óscar Rodríguez cun potente cacheirolo dende a frontal.

Primeira vez que o Leganés marcaba máis dun gol nun mesmo partido. E non quedou aí porque no 55 fixeron o 3-0, gol de Kevin Rodrigues con outro gran lanzamento dende fóra da área. O Celta recortou no 64. Pione Sisto, que entrara no 38 polas molestias de Denis Suárez, sacou a falta, peiteou o Touro Fernández e marcou Araújo. No 70 os vigueses quedaron cun home menos. Sánchez Martínez considerou que había agresión do Touro Fernández a Tarín e amosoulle o vermello directo. E cun menos, Iago Aspas botou o equipo ás costas. El fabricou o 3-2, entrou pola banda, marchou dos que lle saíron ao paso e superou a Cuéllar. Era o minuto 81, no 82, tivo outra semellante pero desta volta estivo máis rápido o porteiro do Leganés.

Afanouse o Celta, pero non evitou a derrota. Segue en descenso a un punto da permanencia, do Mallorca.

Noticias web

08/12/2019