O Celta pecha as portas das súas instalacións mentres aumentan as voces para que se pospoñan os partidos
As portas do Celta xa están pechadas, tanto as da Madroa como as de Balaídos, coa excepción da tenda oficial no estadio. Nin público, nin medios de comunicación. As preguntas que respondeu Rafinha este mércores fíxollas persoal de prensa do club.
Rafinha: "A afección é unha parte importante da motivación do equipo, teremos que adaptarnos. Cando xoguei a porta pechada eran adestramentos. Non sei como será".
Antes Denis Suárez pregúntabase se ten sentido xogar sen afeccionados ao tempo que se facía eco do comunicado da asociación de futbolistas que pide a suspensión dos partidos.
O Deportivo e o Lugo manteñen as instalacións abertas. O Lugo viaxa este xoves porque abre a xornada en Santander, cun rival directo, a porta pechada.
Curro Torres: "Non me gusta xogar a porta pechada, aínda que sexa no campo do rival. Esperemos que se tomen as decisións correctas e na mesma dirección".
No Deportivo súmanse máis voces á petición de aprazamentos, antes de xogar sen afeccionados contra o Sporting e en Oviedo. Onte Dani Jiménez, hoxe Mujaid.
Mujaid: "Tamén podemos contaxiarnos os xogadores. Entendo que os afeccionados estean fastidiados".
Nada impide que se repita a escena de Valencia. As bancadas baleiras e un bo número de afeccionados reunidos no exterior.